Thursday 09 de May de 2024

O pintor Antonio Janeiro doa ao Concello de Neda un óleo da contorna da Fervenza do Belelle


A colección pictórica do Concello de Neda vén de ampliarse, grazas á cesión realizada polo pintor Antonio Janeiro Pan. O artista acaba de doar á administración un óleo no que a contorna natural da Fervenza do Belelle é protagonista.

A obra, tal e como apunta o autor, nado en Pontevedra, pero afincado dende hai varias décadas na parroquia nedense de Anca, forma parte dunha serie inacabada, integrada por composicións de aspecto figurativo, creadas a partir dun conxunto de fotografías que ampliaban o ángulo de visión natural.

Sinala Janeiro Pan que, unha vez aparcada esa colección, considerou que este óleo de gran formato, que constitúe unha pequena homenaxe á súa terra de acollida, debía ser para o Concello. Unha doazón que agradece o rexedor municipal, Ángel Alvariño, quen adianta que o cadro colocarase proximamente nas paredes do salón de plenos da Casa Consistorial.